Friday 19 de April de 2024

A Xunta inviste case 100.000 euros na mellora das beirarrúas e servizos no polígono industrial de Merelle en Ordes


Esta orde de axudas aposta por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas e fomentar o emprendemento industrial

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez o inicio das obras de mellora das beirarrúas e dos servizos no polígono industrial de Merelle no que están instaladas 36 empresas nunha superficie de 299.698 metros cadrados. Esta actuación se inclúe dentro da orde de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da cal investirá máis de 527.000 euros en obras en polígonos industriais de Ordes, Santa Comba, Dodro, Boqueixón, Oroso e Ames. Estas inversións suporán un investimento total na comarca de 673.000 euros dos que a Xunta aporta máis do 78%.

Ovidio Rodeiro informou que as obras, que contan cunha axuda da Xunta de preto de 100.000 euros, consisten na ampliación e mellora de 2.853 metros cadrados de beirarrúas coa súa correspondente reposición de servizos e canalización.

O delegado territorial puntualizou que con estes investimentos “a Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

A maioría dos proxectos que se están executando están orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña invístense 1,5 millóns para financiar 21 proxectos en 19 concellos.

A Xunta favorecerá a mobilización de 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia, dos que 32 eran Concellos Emprendedores no momento de realizar a solicitude, o que lles deu prioridade na concesión das axudas.